Programa

 Descarga o programa de APAC en formato pdf

programa electoral pdf

Plataforma Aberta Cidadá | APAC Lalín

 

Anonymous-Team

     Por áreas temáticas:

ECONOMÍA

RURAL

URBANISMO

ENSINO

CULTURA

DEPORTE

SANIDADE

XUSTIZA E SEGURIDADE CIDADÁ

SERVIZOS SOCIAIS

MEDIO AMBIENTE

VOLUNTARIADO E ASOCIACIÓNS

IDENTIDADE

 

    Propostas:

 

1. Auditoría da débeda municipal.

2. Transparencia.

3. Lalín: unha vila nos camiños de Santiago.

4. Orzamento participativo.

5. A compostaxe (R.S.U).

6. Fomento da natalidade.

7. Camiños do Deza (Viarum dezae).

8. Comercio local.

9. Software libre.

10. Bases dunha nova política cultural.

11. Produto local.

12. Plan de desenvolvemento turístico municipal.

13. Consorcio municipal de turismo.

14. Benestar e servizos sociais.

15. Rede de custodia medioambiental.

16. Asociacións e voluntariado.

17. Enerxía.

18. Xulgados. Defensa do partido xudicial.

19. Mellora e ampliación do paseo Pontiñas.

20. Recuperación integral dos núcleos rurais.

21. Desenvolvemento económico e emprego.

22. Urbanismo. Lalín: o fracaso dun modelo urbanístico.

23. Sanidade: porque as nosas vidas dependen dela.

24. Educación: o coñecemento ao alcance de todos.

25. Deporte para todos e todas.

26. Fartos da zona azul en Lalín.

27. Creación dun centro de bicicleta de montaña.

28. Pola rebaixa da peaxe na autoestrada AP53 Santiago-Dozón.

29. Defensa da nosa identidade.

30. Por un novo modelo económico para Lalín.

31. Cultura: Itinerarios culturais.

32. Gobernanza cidadá.

33. Paremos un crime ecolóxico. Pola defensa da fraga de Casas Vellas.

 

 

RECUPEREMOS A ILUSIÓN POR LALÍN

   

   Por unha rexeneración da política municipal.

Cando vemos como está hoxe Lalín…

Familias en situación de necesidade, xente sen emprego que ten que marchar, comercios e empresas que pechan, o rural abandonado…

Cando vemos o que fan os que nos gobernan…
Un Concello endebedado por proxectos faraónicos, que só ofrece ideas disparatadas, e que non pensa no ben común nin resolve os problemas da xente…

Os veciños e veciñas, por dignidade, temos que mobilizarnos…
Non podemos quedar de brazos cruzados, nin ollar cara o outro lado, e agora é o momento.

Por iso xorde a Plataforma Aberta Cidadá (PAC), que pretende ser un movemento social para o cambio colectivo, para ter un Lalín…

1. Con máis LIBERDADE.

Porque hoxe en día aínda hai en Lalín medo ás represalias por ter e manifestar opinións distintas da oficial.

2. Con máis DEMOCRACIA.

Que a cidadanía poida decidir sobre os asuntos públicos, debéndose habilitar máis mecanismos de participación para que sexa posible. A democracia é algo máis que votar cada catro anos. Somos partidarios dos movementos asemblearios e das listas abertas.

3. Con máis DIGNIDADE.

Todos e todas teñen dereito a unha vida digna, e debemos desenvolver políticas de solidariedade que cubran as necesidades básicas das persoas, tanto materiais (alimento, vivenda, auga, luz) como inmateriais (igualdade, sanidade, educación, cultura).

4. Cunha ECONOMÍA SOCIAL AO SERVIZO DO BEN COMÚN.

POLO TANTO PROPOÑEMOS:

1. Recuperar a economía e os nosos sectores produtivos.

Maximizar as competencias municipais para desenvolver políticas de impulso económico.

É preciso superar por fin o modelo produtivo fracasado da burbulla inmobiliaria imposto a Lalín e rematar cos recortes brutais dos servizos públicos.

Porén, será necesario facer unha nova política orientada a reconstruír o noso tecido produtivo en todos os sectores, fomentando a creación de empresas, o emprendemento social, cooperativo ou asociativo, impulsando o comercio local e facendo un plan de desenvolvemento turístico municipal.

Ao mesmo tempo, é preciso facer unha auditoría da débeda, suprimir o despilfarro actual, introducir un orzamento participativo e actuar cunha dinámica de total transparencia en canto ás contas públicas. Cómpre promover un desenvolvemento económico local, xusto e social.

2. Recuperación do noso medio rural.

Porque para Lalín o rural é o noso pasado, o noso presente e o noso futuro.

Son precisas actuacións para revitalizar e dinamizar o noso rural rematando co seu abandono, promovendo a súa recuperación integral coa práctica dun modelo agrario sustentable e provedor de alimentos de calidade.

A revitalización supón o despregue de políticas que o doten de servizos e conduzan á creación de oportunidades de presente e de futuro promovendo o desenvolvemento da econonomía local.

A recuperación dos lugares farase tendo en conta as necesidades da veciñanza e seguindo un plan director específico para cada núcleo rural.

3. Urbanismo e vivenda.

Por un novo modelo urbano para a nosa vila. Por unha vila máis humanizada, máis habitable e sostible, pensando nas persoas.

Polo coidado dos espazos públicos configurados coma puntos de encontro para as actividades da cidadanía, e sen barreiras arquitectónicas.

É preciso mellorar e unificar a liña estética das nosas rúas; rematar coa anarquía en materia de canalizacións e subministros e fomentar a eficiencia enerxética nas edificacións públicas e privadas.

Ademais, cómpre protexer de forma efectiva as construcións tradicionais que aínda resisten no casco urbano, así como recuperar as áreas degradadas.

Por outra parte, consideramos necesario a creación dunha bolsa de vivendas baleiras en mans de entidades financeiras e búsqueda de acordos para o seu aluguer social.

Finalmente, esiximos a solución do conflito do Párking Europa e que este se convirta nun aparcamento público e gratuíto.

4. Educación, sociedade da información, cultura e deporte. O coñecemento ao alcance de todos e todas.

Queremos un sistema educativo público, universal e gratuíto. O acceso á educación é a base esencial para construír unha sociedade xusta e con igualdade de oportunidades.

O coñecemento fainos libres, polo que cremos na necesidade de potenciar o acceso e a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación especialmente no medio rural.

Tamén é precisa unha nova política cultural, pois a cultura non é un luxo, é unha necesidade, porque un concello sen cultura é un concello que non se expresa, que non pensa e que non sente.

Igualmente, cremos no deporte como unha canle para o desenvolvemento persoal e social, polo que debe ser accesible para todos e todas.

5. Sanidade para todos/as e sen recortes, porque as nosas vidas dependen dela.

Queremos unha sanidade pública, universal e gratuíta. A saúde é un dereito fundamental de todas as persoas e en ningún caso debe ser concibida coma un negocio.

6. Servizos sociais. Polo benestar de toda a veciñanza.

Por unha nova política en materia de servizos sociais que os contemple baixo o prisma da solidariedade e da xustiza social e non da caridade.

Por un Lalín cunha sociedade integrada e cohesionada onde ninguén quede excluído por ningunha circunstancia nin persoal nin social.

Os poderes públicos deben atender as necesidades da cidadanía de xeito prioritario.

7. Xustiza e seguridade cidadá. Por un Lalín libre, pero tamén seguro.

O acceso á xustiza é outro dereito fundamental que garante un espazo de liberdade e seguridade, física e xurídica, para todas as persoas. Debemos mobilizarnos para defender o noso partido xudicial, evitar a supresión dos xulgados e dos servizos que prestan, e demandar ás administracións competentes que se dispoña en Lalín dos medios persoais e materiais necesarios para ter unha xustiza áxil e de calidade.

A Policía Local debe ser un corpo eficaz no desempeño das súas funcións e sempre ao servizo da cidadanía.

8. Medio ambiente. Porque o noso contorno natural é o gran tesouro de Lalín.

Debemos poñer fin á destrución do noso patrimonio natural. Para iso son precisas actuacións decididas para a protección, en sintonía coa veciñanza, das áreas da Rede Natura do noso Concello.

Tamén procede declarar a fraga de Casas Vellas como Espazo Natural de Interese Local. Asemade, débense protexer os nosos soutos e carballeiras e os sistemas fluviais.

Tamén debemos atopar unha solución local ou comarcal para a reciclaxe e tratamento dos residuos sólidos urbanos. Analizar e estudar a viabilidade da creación dunha planta de compostaxe municipal ou comarcal.

Igualmente debemos realizar unha aposta decidida polas fontes de enerxía renovables e limpas.

9. Voluntariado e asociacións. A forza imparable dunha sociedade ben organizada.

Desenvolveremos unha nova política municipal en materia de voluntariado e asociacións. Entendemos que o Concello debe ir na procura da colaboración de asociacións e colectivos, respectar a súa liberdade e autonomía, e fomentar, apoiar e recoñecer o seu labor. Igualmente o Concello debe promover a participación cívica efectiva e impulsar a creación, se fose preciso, de asociacións de veciños e veciñas, centros culturais, formas de ocio e deporte base.

10. Defensa da nosa identidade.

Entendemos que o xeito de levar a cabo o cambio que pretendemos debe facerse sempre tendo en conta as nosas raigames, a nosa cultura e a nosa historia. Este principio debe estar en todas as políticas que se emprendan e implica ademais o desenvolvemento de accións directas para a protección, recuperación, posta en valor e divulgación do noso abundante patrimonio cultural, arqueolóxico, arquitectónico, monumental e etnográfico.

Móvenos…
Facer un Lalín diferente, libre, democrático, diverso, aberto e acolledor.
Facer un Lalín transparente, cunha administración responsable e eficiente.
Un xeito de facer política entendida como a arte de servir aos teus semellantes.

E a ti, que te move?

Pensas voltar a confiar nos mesmos de sempre outra vez?

 

Advertisements